No mes de outubro de 2017 os incendios asolagaron Galiza. Algo que tristemente ven sendo habitual ao final de cada verán. Ademais das miles de hectáreas de monte queimadas, deixou a perda de catro vidas humanas.
Intencionados, produto de imprudencias, do abandono do monte e cunhas condicións climatolóxicas proclives, o monte ardeu de novo.
Nesta vaga de incendios en Galiza, o concello das Neves foi declarado oficiosamente “zona cero”. Queimouse unha alta porcentaxe do seu territorio, incluíndo núcleos de poboación, cemiterios e parques urbanos, ademais dos montes veciñais.
Falouse de intereses económicos, urbanísticos e de toda índole detrás dos incendios. Mais se cadra, ademais deses posibles e escuros intereses, a masificación de especies arbóreas foráneas pirófitas, como o eucalipto e o piñeiro, o abandono e o pouco valor que se lle da ao monte, a despoboación sistemática do rural favorecida polos poderes públicos que non apostan pola súa recuperación, ou a utilización dos incendios como arma política, son un cúmulo de factores que nos dan claves para entender o que sucede ano tras ano nos nosos montes.
Neste traballo, dende unha mirada persoal, trato de mostrar a desolación que me provoca ver o monte e o territorio queimado. A deste incendio en particular e por extensión, a de calquera incendio que se poida producir en calquera parte do planeta.