FRAGMENTOS

Paisaxes sen horizonte, cruzamentos e labirintos delineados en branco sobre o duro gris do asfalto, transeúntes vencidos polo peso das súas sombras, olladas interrompidas nos límites do marco, planos inestables sobre os que se proxectan fractais e corpos, inesperados encontros de volumes, segmentos e cores, caprichosas formas coas que se aliñan os puntos para delatar un descoido, un abandono…

Na rúa, as imaxes insinúanselle con desafiante descaro á razón, e o fotógrafo apela a unha intrépida sintaxe: metáforas das sombras, retórica da luz, relatos cortados sobre a páxina en branco cunha caligrafía quebrada de arestas, signos e advertencias; a intuición explora a rigorosa cuadrícula onde movemento e albedrío se deteñen, e atopa salpicada no pavimento a exclamación rebelde do vómito incontido.

Territorio rastrexado pola ollada oblicua e audaz: ritual cotián de lousados e paramentos, desapiadada arquitectura do ferro e rudeza do cemento, memoria amordazada entre lastra e morteiro, marxes dun río seco polas que transitan vaidosas efixies e a cuxas beiras esmorecen as coirazas enferruxadas de enxeños formidables. A épica da rúa revelarase no caos, nun irónico relato polo que transitan descoñecidos sen rostro, figurantes sen pasado e ignorantes capturados entre os catro segmentos: eles nunca chegarán a comprender a lóxica do fragmento.

Blas González

Unha serie de nove fotografías deste proxecto, recibiu o 2º Premio no LensCulture Street Photography Awards 2017 e foi elixida Finalista no ASPA – Alghero Street Photography Awards 2018, e no StreetFoto San Francisco – Internacional Street Photography Awards 2017.