ARGA

“ARGA” é un lugar do noroeste de Portugal, onde a vida está profundamente ligada á terra, ás tradicións e ás crenzas relixiosas. É o lugar onde nace este proxecto fotográfico de nome homónimo.

Unha realidade documentada que busca conmover, facer sentir a conexión coa terra, a nostalxia do acervo pasado e de preservar as súas memorias.

Un espazo habitado onde a conexión íntima entre as persoas e o seu entorno tórnanse protagonistas. Rostros marcados polo traballo, paisaxes que gardan historias e detalles que falan de fe, esforzo e resistencia. Imaxes evocadoras de lembranzas que me transportan á miña infancia, onde o ritmo da vida estaba marcado polos ciclos da natureza e a forza da comunidade. Algo que se extingue agora, pois a modernidade e o abandono rural imperan.

Arga pretende ser unha homenaxe a unha forma de vida. Unha chamada de atención sobre a súa importancia e unha reflexión sobre o que perdemos cando desaparece. É unha invitación a reflexionar sobre aquelo que nos define, as nosas raíces e o seu valor. É tamén un recordatorio de que, aínda que o tempo avanza, as nosas orixes e as nosas historias merecen ser recordadas e celebradas. Unha viaxe visual e emocional a un mundo que está a desaparecer, pero que aínda late con forza aquí.