Foto de rúa e eventos públicos

Podes ver este contido noutro idioma con Google Translate: Español - English - Português

Falaba nunha entrada anterior dos “Dogmatismos” na foto de rúa. Cando menos dos máis recorrentes e que habitualmente dan lugar a controversias en conversas e nas redes sociais.

 

Pero hai máis, outra cuestión que da lugar a debates -e que non comentei na entrada mencionada-, é se as fotografías que se fan nos eventos públicos son ou non, foto de rúa. Por exemplo, no ámbito dun festival.

Dende o meu punto de vista, si. De feito, recentemente impartín un obradoiro de foto de rúa no Festival Internacional do Mundo Celta en Ortigueira. Nel intentamos captar o ambiente do mesmo, pero dende criterios e estética da foto de rúa, non dende a óptica da fotoreportaxe ou foto de concertos. Os concertos en si mesmos, non nos interesaban fotograficamente falando. Interesábanos o ambiente do festival. O do espazo onde se celebraban os concertos, o público, o ambiente nas rúas, na zona de acampada, na praia...

Wllliam Klein Rolling Stones Paris 1982

© William Klein

Como a miña opinión, seguramente por falta de autoridade na materia pode ser facilmente rebatible e cuestionada, poño como exemplo unha foto de William Klein, que xunto con outros grandes como Robert Frank, Winogrand, Friedlander... esta considerado un dos precursores da foto de rúa. Esta foto -ten máis do evento- foi realizada entre o público asistente ao concerto dos Rolling Stones celebrado en París no ano 1982. Obviamente, haberá quen defenda que non é foto de rúa, e é unha opinión totalmente respetable, só que eu non a comparto.