Influencias (2)

Podes ver este contido noutro idioma con Google Translate: Español - English - Português

Escribía unha entrada a pasada semana sobre a necesidade de ter referentes, influencias. E remataba dicindo que despois nós desenvolviamos un estilo no que, dalgún xeito, estaban presentes esas influencias, aínda de xeito sutil.

Xa fai uns meses, noutra entrada falaba da edición, da importancia que ten e de que a min resúltame moi difícil editar o meu propio traballo. Da necesidade de recabar axuda de terceiras persoas libres da carga emocional que temos sobre as nosas fotografías, porque son máis obxectivas.

Pois ben, eu acudo con certa frecuencia -el fai o mesmo as veces- a un amigo e compañeiro de viaxes fotográficos, Jordi Simón. Envíolle unha foto sobre a que teño dubidas para que me dea a súa opinión. Contrapomos puntos de vista e falamos da foto.

Krakow - Alberte A Pereira

© Alberte A. Pereira

Harry Guyaert - Moscow

© Harry Gruyaert

Fai uns días, revisando o meu arquivo fotográfico, algo que fago de cando en vez, vin unha fotografía realizada en Krakow de xullo do ano pasado. Tiña dúbidas e envíolla. Inicialmente coincidiamos en que tiña demasiado ruído visual no fondo. O primeiro plano estaba ben ou era aceptable. Un par de días despois envíame un enlace a unha imaxe de Harry Gruyaert, do seu traballo Moskow e Jordi dime que ve parecidos coa miña. Eu non coñecía esa imaxe ou non era consciente de tela visto polo menos.

 Alberte A Pereira - Vigo 2016

© Alberte A. Pereira

Harry Gruyaert - Belgica 1981

© Harry Gruyaert

Tamén lle enviei outra que publiquei recentemente nas redes sociais, realizada en Vigo fai unhas semanas. Gustoulle a primeira vista e díxome que o primeiro que se lle veu a cabeza foi Harry Gruyaert. Decateime que imaxe me dicía porque e a primeira que aparece nun dos seus libros que forma parte da miña biblioteca. Son diferentes, a miña esta quitada dende a rúa cara o beirarrúa e a de Gruyaert o revés, dende o beirarrúa cara a estrada, ten máis elementos e cores más suaves.

Para nada é a miña intención compararme con Gruyaert. Non lle chego nin os talóns!! Pero si é un fotógrafo que me gusta moito e teño libros del. E vese que estas dúas imaxes teñen certo parecido tamén. En ningún caso quitei as fotos pensando nas de Gruyaert. E menos na primeira pois como xa dixen non coñecía nin era consciente de ter visto esa fotografía de Gruyaert. Por tanto non copiei, polo menos conscientemente. O caso é que o resultado ten certas similitudes.

A cuestión é, de que xeito as imaxes que temos no subconsciente, os xeitos de facer, as composicións que temos visto con antelación dos grandes fan que, como dixen na entrada anterior, “aparezan” nas nosas imaxes? Podemos ser influenciables ata ese punto? Iso é bo ou malo?.