Dogmatismos

Podes ver este contido noutro idioma con Google Translate: Español - English - Português

En xeral no mundo da fotografía -como na vida mesma- hai unha chea de dogmas que algúns gurús establecen como indiscutibles. A verdade absoluta.

No caso da fotografía de rúa non é menos, ou se cadra, aínda hai máis. A mellor focal e esta ou aquela; ten que haber sempre presenza humana; só e foto de rúa a que se fai nas cidades; a mellor foto de rúa é en branco e negro... En fin, hai unha chea deles, pero estes son algúns exemplos moi utilizados e que leo e/ou escoito con frecuencia.

Para min os dogmas, en xeral, son negativos. Coartan a liberdade. E neste particular, tamén.

Eu son dos que usa normalmente un 28 ou un 35mm de focal, que posiblemente sexan das máis utilizadas, pero iso non quere dicir que non se poidan utilizar outras focais. Só temos que ver a obra de Saul Leiter. Claro esta que Leiter só hai un.

Saul Leiter

© Saul Leiter

O exemplo de Leiter tamén vale para o branco e negro e a cor, aínda que neste caso hai moitos máis. A pesar de que a súa obra máis coñecida e se cadra, a máis recoñecida é a cor, o certo é que tamén ten un gran traballo en branco e negro. E tamén serve para por de manifesto que non sempre e preciso a presenza humana, en moitas das súas fotografías, o tema e a imaxe en si mesma ou magníficas abstraccións...

Do mesmo xeito, asegurar que só nas cidades se pode practicar a foto de rúa non me parece acertado. Só hai que ver o traballo “Gypsies” de Josef Kuodelka ou outros moitos que fotografaron o rural. Como comentei nunha entrada anterior, o rural tamén existe. Eu mesmo podo por de exemplo a fotografía coa que fun finalista no London Photo Festival, que a quitei en Vila Nova de Cerveira. Unha vila que o seu núcleo principal de poboación non acada os 1.500 habitantes e en total non chega aos 10.000.

 Cemiterio de Germil

 ©Alberte A. Pereira

Certo é que a maioría das imaxes que máis se asocian a fotografía de rúa nos anos 60 e 70, son imaxes de Nova Iork en branco e negro, pero iso non quere dicir que só se poidan realizar en espazos urbanos. Si é certo que unha cidade da máis xogo, pasan mais cousas, pero nada máis.

Por tanto, desterremos os dogmas da fotografía, non son máis que lastres. Exerzamos con liberdade esta marabillosa paixón. Iso si, con honestidade.