O Bolhão. Símbolo da cidade de Porto - Vol. 1

Podes ver este contido noutro idioma con Google Translate: Español - English - Português

O mercado do Bolhão en Porto, é un dos lugares máis emblemáticos da cidade, o que fai que reciba miles de visitas de turistas ao ano. Adícase principalmente a venda de produtos frescos.

 

A construción é de arquitectura neoclásica. Distribuído en dúas alturas, conta con catro entradas principais. O edificio do mercado foi homologado como inmóbel de interese público o 22 de febreiro de 2006. En 2013 foi clasificado como monumento de interese público. O 2014 cumpriuse o 100 aniversario da colocación da primeira pedra do edificio. Mais, dende o 1838 xa existía o mercado nese lugar a ceu aberto.

Nos anos 1992 e no 2007 aprobáronse senllos proxectos de rehabilitación que finalmente fracasaron. No 2015 a Cámara de Porto anuncia o que parece vai ser o proxecto definitivo de rehabilitación. Neste ano 2016 está previsto que se presente a concurso.

Os comerciantes reclaman dende fai tempo a súa rehabilitación e unas condicións axeitadas para os seus negocios. O actual estado de abandono fixo que dos 400 comerciantes que había a finais da década dos 90, agora só queden 80.

É un lugar que namora a primeira vista. Adivíñase que foi un mercado esplendoroso. A imaxe actual é de decadencia e abandono, o que lle confire un potente atractivo. É auténtico, fermoso, e mantén a esencia do pobo portugués e o orgullo e carácter da cidade de Porto.

Germano Silva, xornalista e historiador da cidade de Porto, definiuno como “o símbolo da cidade”

Esta é a miña visión do mercado antes da remodelación.

(Textos en portugués, inglés e español en pdf)