O valor documental da fotografía de rúa

Podes ver este contido noutro idioma con Google Translate: Español - English - Português

Na última entrada que publiquei no blog, facía referencia ao valor das fotografía que hoxe quitamos ao velas coa perspectiva do paso do tempo. E remataba a entrada dicindo que non entendía como algúns paises adoitaban medidas en contra da fotografía documental de rúa.

Dorothea Lange - Migrant Mother

© Dorothea Lange

Na lectura do libro "La edición en fotografía" de Carlos de Andrés -recomendable-, descubrín que en plena recesión económica norteamericana, a Oficina do Goberno Federal dos EUA, fundou a The Farm Security Administration (FSA), que dirixida por Roy Stryker, contrata a un grupo de fotógrafos, daquela case descoñecidos, co fin de documentar en imaxes os danos producidos pola Gran Depresión americana. Entre eses fotógrafos estaban Walker Evans, Dorothea Lange, Jack Delano e moitos outros.

Certo é que as fotografías feitas non conseguiron ver a luz ata dez anos despois, polo impacto e dureza que lle causaron á propia FSA. Pero finalmente foron publicadas en formato libro. Moitas delas hoxe son icónicas para nós, como a que acompaña esta entrada de Dorothea Lange.

Tendo en conta o tempo de crise vivido e que aínda estamos padecendo, hoxe é impensable que ningún goberno adoite este tipo de iniciativa. Máis ben todo o contrario, como de feito ten acontecido. Baixo o argumento da seguridade, poñen trabas á súa práctica, negando desta forma documentos gráficos para o futuro. Certo é, que outras disciplinas, como o fotoperiodismo, si realizan traballos, pero máis baseados na actualidade e noticia, aínda que tamén están sendo practicamente eliminados dos medios. É por iso que hai que reclamar a rúa como espazo público. E a fotografía de rúa como valor documental cara as vindeiras xeracións.