O tempo daralle valor

Podes ver este contido noutro idioma con Google Translate: Español - English - Português

Cando vemos fotografías de rúa dos anos 50, 60 ou 70, a maioría en branco e negro, dámonos conta de que estamos diante de documentos, que nos din como se vestía, como eran os carteis publicitarios, como era a vida nas rúas e a sociedade nesa época, en definitiva.

Grarry Winogrand - Zoo de Central Park NYC

© Garry Winogrand

Independentemente que algunhas desas fotografías xa alcanzaran recoñecemento nese momento, é indubidable que hoxe teñen moito máis valor. Co paso do tempo, como os bos viños, fai que apreciemos moitos matices que daquela, por seren habituais e cotidianos, non se lle daba importancia. Sen embargo hoxe cobran interese.

Aos que nos gusta este tipo de fotografía e a practicamos, temos que ser conscientes de que é moi probable que dentro dunhas décadas teñan un valor do que agora carecen. Non por que sexan malas fotografías, senón porque se verán coa perspectiva que da o paso do tempo. Esa perspectiva fará que se vexan tamén como documentos doutra época que nada terá que ver con aquel presente, que agora só é futuro.

É por iso que non entendo como, baixo o argumento da seguridade, algúns paises adopten medidas ou poñan trabas contra esta práctica fotográfica. Porque o que realmente están facendo é negarlle un legado documental a futuras xeracións.