Escoitar a cidade

Podes ver este contido noutro idioma con Google Translate: Español - English - Português

Escribín esta entrada xa fai tempo para Quitar Fotos. Mais agora quero actualizala e ao mesmo tempo facelo na miña lingua para o meu blog.

Estou interesado en como a paisaxe urbana ten o poder de dicir cousas e como a fotografía se pode converter nunha ferramenta para escoitar -o que o sociólogo Les Back describiu como a ‘arte de escoitar’-”, comentaba Paul Halliday nunha entrevista que lle realizaron fai uns anos.

bucarest
© Alberte A. Pereira

Na mesma entrevista que facía estas declaracións, tamén criticaba a corrente de fotógrafos dentro da foto de rúa, que se basean na “flanerie” e que, segundo el, producen “imaxes que seguen os usuais e ben documentados clichés da corrente principal da foto de rúa -o gracioso e o extrano-”. Halliday apoiaba os seus argumentos en que esa forma de xerar imaxes parecíalle inútil. E concluía que lle interesaba máis o “vagabundeo intuitivo” e os “desvios urbanos” como ferramentas para “escoitar a cidade”.

Nese senso recoñezo que cada día máis, a min interésame ese xeito de entender a fotografía no espazo público urbano.
Eu concordo con esa análise de Halliday. Dende o meu punto de vista, a fotografía de rúa clásica, está saturada de clichés que, ademais, reflicten do mesmo xeito cidades totalmente diferentes. Fotográfase sempre igual.

porto

© Alberte A. Pereira

Por tanto, interésame máis unha fotografía urbana con máis carga autoral, que teña intención de dicir ou contar algo, máis incómoda, que moleste, que fale das relacións de poder . Unha práctica fotográfica que explore, observe e represente o espazo público deixando de lado a repetición de imaxes curiosas e anecdóticas.

É, para min, moito máis interesante deixarse levar pola deriva e polos vagabundeos urbanos, saír ao encontro onde aparentemente non sucede nada, andar, observar, mirar e rexistrar a cidade invisible. A que se ve pero non se mira.

Porque como ben dí Óscar Colorado, “ver es un acto biológico, observar un acto intelectual, mirar un acto cultural” que ten moito en común coa “arte de escoitar a cidade” á que facía referencia ao principio desta reflexión.