Espremamos o noso arquivo fotográfico

Podes ver este contido noutro idioma con Google Translate: Español - English - Português

Fai algo máis dun ano, publicaba unha entrada na que recomendaba revisar o noso arquivo fotográfico.

Nela falaba do proceso de maduración, do paso do tempo, de desprendernos da carga emocional das imaxes. Iso facía que despois dun tempo, rescatáramos fotografías que inicialmente tiñamos descartado, e viceversa.

A cidade invisible

© Alberte A. Pereira


Hoxe quero falar do arquivo fotográfico dende outra perspectiva. A de repasalo e ir observando temas recorrentes que fotografamos, agrupar esas fotos e ir creando series. Estou seguro que, sobre todo aquelas persoas que xa levamos uns anos fotografando, vamos atopar varios temas aos que continuamente volvemos. Aínda que eu é algo que fago sobre a marcha, nunca está demais darlle un repaso. Sempre aparece algo.

Coa fotografía dixital aumentou a produción de imaxes e fai que os arquivos fotográficos teñan unhas dimensións, en moitos casos, de decenas de miles de fotografías. As veces é bo parar de producir, relaxarse, pensar, revisar, agrupar e crear discursos co material que xa temos.