Fotografa para ti

Podes ver este contido noutro idioma con Google Translate: Español - English - Português

Os que “só” nos adicamos a fotografía como “amadores” e as nosas lentellas non dependen de encargos, traballos fotográficos, vendas... Os que temos o “privilexio” de non vivir da fotografía, podemos adicarnos a facer unicamente o que nos gusta. Fotografar para nós.

Sempre que mo teñen preguntado, digo que fotografo para min, non pensando se vai gustarlle aos demais. Porque sempre trato de facer o que me gusta. De mostrar o mundo como eu o vexo. E, aínda que en certo modo inconscientemente, tamén falo de min. Moito máis do que poida parecer.

Porto 2017

© Alberte A. Pereira

Por iso non aconsello a ninguén como debe fotografar. Se acaso aconsello que merquen libros de autores que lle gusten, a poder ser con visións diversas da fotografía, os clásicos, estudalos, e tamén os máis actuais. Que se fagan unha idea dos que máis lles gustan e despois, que elixan o seu camiño. Un pouco o que recomenda Momeñe no seu libro “La visión fotográfica”.

Temos que construír o noso propio camiño, xerar as nosas experiencias, con traballo, paixón e dedicación. Nese camiño é inevitable cometer erros. Pero serán os nosos erros. E deles aprenderemos.