Desprazados

Podes ver este contido noutro idioma con Google Translate: Español - English - Português

Unha das particularidades que ten o tipo de fotografía que fago normalmente, no espazo público e  urbano, é a observación dos comportamentos das persoas e dos fluxos socias, das idas e vidas...

Nese sentido, eu que visito a cidade de Porto con certa asiduidade -podo dicir que é a cidade que máis sinto como “miña”-, e que a levo visitando e vendo a súa evolución e cambios dende fai máis de 30 anos, téñome feito unha idea, sobre todo nos últimos anos que eu me teño adicado a fotografía e son moito máis observador se cabe, dos tremendos trocos que está sufrindo. Algo por outra banda común ás grandes cidades en xeral, froito da globalización.

Turssmo - Porto

© Alberte A. Pereira

Hoxe, no centro da cidade a maioría das persoas que se moven por ela son turistas. Desprazaron aos locais. Só quedan os comerciantes que, obviamente, queren facer negocio con semellante fluxo de xente. A zona de Aliados, rúa das Flores, estaçao de Sao Bento, o Bolhao, Ribeira...están totalmente tomadas por foráneos. Non vou entrar nas evidentes implicacións económicas, porque non é o motivo desta entrada. Pero é obvio que tendo en conta os salarios medios no país veciño, e a subida dos alugueiros pola presión turística, fan que os portuenses se vexan desprazados a zonas máis baratas e periféricas da cidade ou mesmo ao concello veciño de Matosinhos.

Senhora das flores

© Alberte A. Pereira

Eu, que era e son un namorado do centro, precisamente pola cantidade de xente que por esa zona se move e a cantidade de cousas que suceden, estoume deixando levar pola deriva cara a zonas descoñecidas, máis periféricas e onde afortunadamente volvo a encontrarme co Porto máis xenuíno. Un Porto máis tranquilo e pausado; máis de tasquinhas que de franquicias e locais cortados todos polo mesmo patrón; máis de conversar na rúa tranquilamente que do bullicio frenético do centro; máis, en definitiva, do Porto.

 Tasquinha

© Alberte A. Pereira