Que temos que dicir?

Podes ver este contido noutro idioma con Google Translate: Español - English - Português

Cando comenzamos a fotografar, a maioría facémolo por puro divertimento, sen máis. Algo que penso nunca debemos perder, esa sensación de pasalo ben facendo o que nos gusta.

Mais cando xa levamos uns anos fotografando, e xa empezamos a definirnos dalgún xeito, a nivel estilo, temas... é posible que un mesmo empece a botar de menos algo na súa fotografía.

Madrid 2017

Madrid 2017 © Alberte A. Pereira

Nese sentido, paréceme moi acertada unha suxestión do fotógrafo David Alan Harvey, cando dicía que “Hoxe en día calquera é capaz de tomar fotografías tecnicamente perfectas e con facilidade a través dun teléfono móbil, polo que debes converterte en autor. Todo se reduce a autoría, autoría e autoría”. Así mesmo di que “sen ter ideas tanxibles, pensamentos, sentimentos e algo co que contribuír ao debate, os fotógrafos de hoxe en día pérdense no mar da mediocridade”. “O fotógrafo debe ter algo que dicir”, afirma.

Eu cada vez cavilo máis sobre iso, e cada vez plantéxome máis estas cuestións, pois senón empeza a perder sentido fotografar. Pregúntome que teño que dicir? Que me interesa a min, como o resolvo e como encaro a miña fotografía para dicir algo? Que sentido ten seguir producindo e acumulando imaxes sen máis?

Persoalmente, aínda que me sigo divertindo e desfrutando moito cando saio fotografar, estou no medio dese mar que tenta buscar a forma de dicir algo.