Pequeno balanzo do 2017

Podes ver este contido noutro idioma con Google Translate: Español - English - Português

Facer balanzo económico do ano nestas datas é algo habitual nas empresas. Eu non son unha empresa, mais quería facer un balanzo no fotográfico, sobre todo para encarar o futuro tendo como base este punto de partida.

Se fago balanzo deste blog, non fai falla pararse moito para darse conta de que baixei na actividade do mesmo. O motivo non é outro de que, agora, tamén escribo e participo en QuitarFotos, o que me resta tempo e sobre todo temas para escribir, pois para manter o ritmo, suporía duplicar o número de artigos escritos e eu polo menos non dou. Sobre todo porque quero que o que publique, teña un mínimo de repouso, estudo e reflexión previa. Que non sexa produto da "necesidade" de estar presente. Menos é máis.

Leon Levinstein

Speaker Corner - Hyde Park - London 1964 © Leon Levinstein


Así e todo, facendo un pequeno balanzo do blog, publiquei 19 entradas, pouco máis dunha por mes. Pobre balanzo se cadra, mais non me importa, pois ao final fixen o que puiden e espero que en todo caso, o que publiquei fora do voso agrado. Obviamente, isto fixo que o número de visitas ao blog baixara lixeiramente.

As tres entradas máis visitadas foron "Farías estas fotos?" con preto de tres mil visitas; "Leon Levinstein (1910–1988)" con algo máis de dúas mil, e a noticia do nacemento da Escola Superior de Artes Visuais, "Naceu a 35.ESAV" con preto das dúas mil visitas. O cal, dende o meu punto de vista e da humildade deste espazo, é un bo balanzo, aínda que podía ser mellor, claro.

No apartado fotográfico, pois a verdade é que non podía ser mellor este ano que xa remata. Xa que, xunto con Juan Luis SánchezJordi Simón e Marcelo Caballero, puxemos en marcha un ilusionante proxecto de difusión da fotogría documental e de rúa, como é QuitarFotos, espazo no que practicamente dende o principio contamos coa inestimable colaboración de Leire Etxazarra. Dende QuitarFotos organizamos, en colaboración con Photocertamen e co impagable bo facer como dinamizador das mesmas de Juan Luís Sánchez, as "I Jornadas de Fotografía de Calle en Sevilla", nas que ademais participei nun dos Obradoiros impartidos e nas que contamos coa presenza de David SalcedoRafa Badia e Marcelo Caballero.

Madrid

Foto finalista no MSPF 2017 © Alberte A. Pereira

No fotográfico estritamente persoal, vin recoñecido o meu traballo co 2º Premio no LensCulture Street Photography Awards 2017, categoría Series, cunha serie do proxecto FRAGMENTOS; volvín ser Finalista no Miami Street Photography Festival (MSPF) e no StreetFoto San Francisco, neste caso tamén cunha serie de FRAGMENTOS e acadei unha Mención de Honra no PX3 The Prix de la Photographie Paris.
Asemade, unha pequena representación do traballo FRAGMENTOS foi exposta en Vigo e na Coruña, cunha boa acollida nos dous casos. Traballo que espero acade no próximo ano unha nova dimensión.

FRAGMENTOS

Da serie FRAGMENTOS © Alberte A. Pereira

Polo tanto, non podo facer máis ca un balanzo positivo deste ano e espero que o próximo sexa polo menos igual de bo, algo que desexo para todas as persoas que seguides este pequeno espazo de reflexión fotográfico persoal, que ademais e con orgullo, manteño na miña lingua nai.

Sede felices, que o 2018 vos traia boa luz e grazas por estar aí!!