Fotografía con paixón

Podes ver este contido noutro idioma con Google Translate: Español - English - Português

"Fotografía porque te gusta facelo, porque é absolutamente necesario facelo, porque a principal recompensa vai ser o proceso de facelo. Outros premios – o recoñecemento,  o diñeiro - chegan a moi poucos e son fugaces. Hai moitas outras maneiras máis fáciles de ganarse a vida nesta sociedade. Toma a fotografía como unha paixón, non como unha carreira". Alex Webb

Esta cita do fotógrafo americano, que parece tan obvia, a veces resulta difícil de dixerir para algúns. Esquécense da paixón da que fala Webb. Que non só se debería aplicar á fotografía, deberiamos afrontar así a vida tamén, para vivila e gozala. Os pequenos momentos.

Compostela 2017

© Alberte A. Pereira


Eu así o fago, é unha das cousas coas que máis gozo. Saír e perderme nas ateigadas rúas de algunha cidade, no monte, nunha praia ou por unha recóndita aldea galega e gozar do proceso de quitar fotos.

Parar e tomar un café ou unha cervexa. Percorrer e descubrir lugares da cidade pouco frecuentados polos turistas, aos que só van os residentes como moito. Lugares que non aparecen nas postais á venda nos quioscos. E fotografar, crear imaxes, arquivos gráficos. Tentar rexistrar a vida deses outros lugares menos favorecidos. Polos en contraste cos máis favorecidos.  Gozar do proceso como ben di Webb, todo o demais é accesorio.