A perfección, a min, aborréceme un pouco

Podes ver este contido noutro idioma con Google Translate: Español - English - Português

Sei perfectamente que é unha cuestión de gustos, e sobre iso non hai nada escrito. Cada quen ten o seu e todos son moi respectables.

Cando falo de imaxes “perfectas” refírome á idea de Ernst Haas cando dicía: “O inimigo da fotografía é o convencional, as regras fixas sobre o como. A súa salvación virá da experimentación”. Por iso nunha entrada anterior facía unha crítica aos dogmatismos e a esas estritas normas que te din como se debe quitar unha fotografía. Para min a liberdade de cada un está por riba de toda norma en fotografía. Por tanto isto só é unha reflexión persoal e para nada pretendo que ninguén pense nin teña os mesmos gustos ca min.

Dito isto, o meu gusto dime que a fotografía (de rúa) “perfecta” é un pouco aborrecida. Cada vez que vexo unha fotografía onde todo está milimetricamente no seu sitio, sen ningún elemento que distorsione, que “moleste” a visión fácil e rápida, que non me faga pararme a mirala, aborréceme!!

Bilbao 2016

© Alberte A. Pereira


Sei que hoxe en día, coas redes sociais todo vai tan rápido que, como moito diante dunha imaxe vista na pantalla do ordenador, non se para máis ca uns segundos. É o consumo de imaxes por excelencia. Para ver fotografías, non hai nada como unha exposición ou os libros. 

Sen embargo, cando vexo fotografías “imperfectas”, con elementos que de algunha maneira e inicialmente  “molestan”, ou aquelas onde o importante está fora do encadre, contrarias a algunha desas normas, fan que me deteña, que me faga preguntas e que me pare a miralas e intentar descifralas. Esas son as que máis me gustan a min.

Obvia e afortunadamente, non todos pensamos igual nin temos os mesmos gustos.