Seguir as modas ou as túas ideas?

Podes ver este contido noutro idioma con Google Translate: Español - English - Português

Como noutras facetas da vida, a vestimenta, o peiteado, a estética decorativa... na fotografía tamén hai modas.

A verdade e que eu nunca fun de modas. Nunca as seguín por decisión propia. Lembro que si puxen algún pantalón da campá cando estaban de moda, foi porque me mercaban a roupa. Eu era un rapaz e non tiña capacidade de decisión. Agora cando vexo algunha daquelas fotos... boto unhas risas! Non é para menos!

O caso é que na fotografía, tamén hai modas. E se nos centramos na que se etiqueta como fotografía de rúa, non é excepción. Só temos que ver a maioría dos concursos sobre este tipo de fotografía, ver os premiados ou finalistas e veremos que, a anécdota, o chiste visual ou composicións “a lo Weeb” predomina sobre calquera outra forma na maioría deles.

 

Da serie Fragmentos

 

Da serie FRAGMENTOS, finalista no StreetFoto San Francisco  2017 © Alberte A. Pereira


Eu tamén fun finalista nalgún deses festivais e, con algunhas excepcións, as fotos seleccionadas son un pouco dese estilo. Non digo que non se poidan ou non se deban facer ese tipo de fotos. De feito eu fágoas. Só que agora parece que é o único que se pon en valor nos festivias e moitos só tiran por aí. Repito que eu mesmo, se me atopo con esas situacións, fago a foto, non por estar de moda, senón como exercicio e practica que despois, se cadra, aproveito.

Calle San Bernardo - Madrid

Finalista no StreetFoto San Francisco  2016 © Alberte A. Pereira

Pero coido que a foto de rúa vai ou debe ir máis alá da anécdota e/ou chiste visual, sen menosprezar para nada este xeito de facer. Coido que a fotografía cunha carga máis poética, máis documental,  máis social... debe ter, cando menos, o mesmo lugar e valor. E por outra banda, os que a practicamos, non deberiamos deixarnos levar polas modas e si máis polas nosas ideas e polo noso xeito de ver o mundo, sen complexos. Así que vou tentar aplicarme o conto!