Que facer cando un tema está moi “trillado”?

Podes ver este contido noutro idioma con Google Translate: Español - English - Português

Se cadra a pregunta debería ser, hai algún tema que non este “trillado”?

A verdade é que resulta case imposible atopar un tema que non este fotografado. A maioría incluso, dende varias visións ou puntos de vista diferentes, con técnicas diferentes e por fotógrafos diferentes.

Deume por escribir esta entrada despois de asistir á pasada “Rapa das Bestas” en Sabucedo e comprobar que había máis fotógrafos que bestas. Algo que tamén comentou un dos grandes fotógrafos españois, Cristobal Hara, que soe ser habitual neste tipo de eventos na Galiza.

Rapa das Bestas 2017Xente baixando do monte - Rapa das Bestas, Sabucedo 2017 © Alberte A. Pereira


A verdade é que este ano eu, ao contrario do pasado, fixen bastantes máis fotos dos cabalos do que tiña pensado. Pero sabendo que xa están fotografados de cen mil maneiras diferentes. O que fixen foi experimentar -sabendo seguro que xa outros o fixeron- e tratar de imprimir o meu selo. Xa veremos que sae de todo isto cando teña fotos suficientes...se é que sae algo que pague a pena.

Non é tarefa fácil dende logo, pero creo que é unha maneira de buscar motivacións en lugares tan fotografados. Onde ademais hai tantos fotógrafos facendo o mesmo, por onde xa teñen pasado algúns dos mellores e onde fotógrafos do lugar están realizando proxectos moi interesantes.

E por último, outra motivación non menor é simplemente gozar da fotografía, do polbo e da boa compaña!