A evolución da fotografía de rúa e como tentar aproveitar as súas ensinanzas

Podes ver este contido noutro idioma con Google Translate: Español - English - Português

Coido que aos que somos entusiastas da fotografía de rúa, ao aire libre, documental ou como cada quen lle queira chamar, sempre é interesante ver de onde ven e como ten evolucionado.

A verdade é que podemos afirmar que a foto de rúa existe dende que existe a fotografía e se empezou a documentar o que nos espazos públicos acontecía.

Boulevard du Temple

Boulevard du Temple, 1838 - © Louis Daguerre

Mais tamén podemos dicir que houbo diferentes xeitos de entender o documentalismo ao longo do tempo. Por exemplo, nos anos 30 e 40, entendíase máis como unha crítica política e social e sobre o ambiente e noción do espazo urbano.

A finais dos 50 e nos 60, e sobre co punto de inflexión que significou a exposición “New Documents”, o documentalismo da un xiro e opta pola idea de coñecer e observar a vida nas rúas,  como se interrelaciona a xente na súa contorna e mostran o mundo tal e como era, a pesar de e con todos os seus defectos. Gustaban das imperfeccións e debilidades da sociedade, e reflexábanas nas súas imaxes.

Harlem 1939 - Sid Grossman

Harlem 1939 © Sid Grossman

Ese xeito de facer mantívose durante anos, foi evolucionando e hoxe, para moitos está superado. Xa non se quere ver fotografía de rúa onde se reproduzan, aínda que sexa exitosamente, os xeitos de facer dos grandes fotógrafos desas épocas. Actualmente dáselle máis importancia a que o propio fotógrafo transforme a realidade. Xa non interesa ver as cousas como son, interesa máis a visión subxectiva do fotógrafo.  Cuestións que, dalgunha maneira sempre foron así, pero se cadra agora de xeito máis patente.

Garry Winogrand, 1964

© Garry Winogrand, 1964

 

Outro aspecto que se considera importante é, o feito de facer preguntas, de interrogar coas nosas propostas visuais. Suxerir en vez de mostrar. Non dar toda a información na fotografía, pois iso fai que se vexa dunha soa ollada e os poucos segundos, perda interese para o espectador.

Cada vez estou más convencido que hoxe, na fotografía de rúa contemporánea, non chega “só” con facer “fotos boas”. Coido que é preciso tentar evitar as fotografías repetitivas, nas que todos caemos -eu tamén- e mostrar un discurso máis fresco e persoal.

Eamonn Doyle

 Do libro “End” © Eamonn Doyle

 

Por tanto, estudar e visualizar o traballo dos grandes fotógrafos doutras etapas, é fundamental. Non para despois imitalos, senón para descubrir e tentar entender o que eles fixeron e por que o fixeron e, a partir de aí, elaborar un discurso propio con todas as influencias positivas que nos achegan.