FRAGMENTOS

Podes ver este contido noutro idioma con Google Translate: Español - English - Português

Un dos eixos principais sobre o que pivota a fotografía de rúa é a observación do comportamento das persoas. Como interactúan e como se interrelacionan, sobre todo nos espazos urbanos.

FRAGMENTOS é un proxecto aberto, non definitivo, que seguirá medrando e se cadra transformándose. Nel mostro pequenos xestos, persoas absortas e descontextualizadas mostrando só parte da contorna que as rodea. Ao tempo, achego anacos do espazo urbano aparentemente sen interese, sen presenza humana.

Neste traballo propoño, por tanto, unha foto de rúa afastada do momento decisivo, do extraordinario, de xustaposicións ou de imaxes en ton humorístico. Busco a simpleza, o esencial, a luz, amosando retratos de persoas “anonimizadas”, sen rostro. Un pequeno xesto, máis ca unha mirada; un detalle no chan, máis ca unha paisaxe urbana. Silencio contraposto ao habitual ruído urbano.