Ruth Matilda Anderson, fotografías de Galicia

Podes ver este contido noutro idioma con Google Translate: Español - English - Português

Dende o pasado 11 de maio e ata o próximo domingo 11 de xuño, poderase visitar a exposición “Unha mirada de antano: Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia”, na Sala de Exposición Antón Rivas Briones de Vilagarcía de Arousa.

Foi no verán de 1924 que esta norteamericana, de pai noruegués, chegou por primeira vez a Galicia desembarcando no porto de Vigo.

Ruth Matilda Anderson estudara para mestra, pero finalmente tirou pola fotografía, profesión de seu pai, Alfred Anderson, que a acompañou na súa primeira viaxe a terras galegas. Viu co encargo da The Hispanic American Society, da que formaba parte, para documentar as costumes, profesións e vestimentas das xentes do rural que a modernidade estaba a facer que desapareceran. Para completar este traballo volveu entre 1925 e 1926.

 

Leiteira - A Coruña

 Leiteira - A Coruña 1924 - © Ruth Matilda Anderson

 

Como boa documentalista, interesouse pola historia de Galicia, bebendo da obra de Manuel Murguía e tamén da literatura galega, coñecendo a de Rosalía de Castro.

Aínda que non só visitou Galicia, pois xa no 1923 estivera uns meses viaxando e fotografando polo territorio español. Na primeira viaxe a Galicia no 1924, tamén visitou Asturias, na segunda de 1925 a 1926 foi a Galicia e León; entre 1927 e 1928, Estremadura e Castela e entre 1929 e 1930 viaxou por Castela, León e Andalucía.

Fiandeira - A Fonsagrada

 Vella fiandeira - A Fonsagrada 1925 - © Ruth Matilda Anderson

 Mais a exposición a que fago referencia no principio desta entrada, refírese só a fotografías de Galicia que, segundo explican na web de Afundación, ata ese momento nin as actividades da poboación traballadora do campo e do mar, nin a cultura material de Galicia foran obxecto da atención para a fotografía de modo tan exhaustivo.

Xa que logo, só lembrar que o 11 de xuño remata a exposición!

No seguinte enlace pódese adquirir o catálogo "Unha mirada de antano: Fotografías de Ruth Matilda Anderson"