Revisemos o noso arquivo fotográfico

Podes ver este contido noutro idioma con Google Translate: Español - English - Português

Lembro que cando empecei coa fotografía un pouco máis en serio, tiña a (mala) costume de eliminar cantidade de fotografías na primeira revisión.

Despois, empecei a deixalas un tempo no disco duro, revisalas con máis calma, pero aínda así, eliminaba bastantes fotos que co tempo deime conta era un gran erro pola miña parte.

Dende fai uns anos, non elimino practicamente nada ou só aquelas que realmente non hai por onde collelas. Certo é que agora quito menos fotos que ao principio e selecciono máis o que fotografío. Déixoas repousar un tempo, fago unha primeira edición con calma e vounas metendo en carpetas por temas.

 

Gran Vía - Madrid 2016

© Alberte A. Pereia

Co tempo, despois de varios meses, un ano ou máis, volvo ao meu arquivo e é bastante habitual que, algunha foto que en principio non seleccionara, despois dese tempo me gusten e si o faga. Incluso que descarte algunhas que tiña seleccionadas inicialmente. Este proceso de maduración é fundamental. Quizás pola inmediatez que se vive hoxe, sobre todo coas redes sociais, temos demasiada presa por facer visibles as nosas imaxes, e iso non é bo.

Mais aínda coido que é peor, editar directamente na cámara mentres se está fotografando! Primeiro, porque é imposible ver ben unha foto na cámara, segundo, porque estas demasiado condicionado polas emocións do momento de facela e terceiro polo comentado antes, é preciso un período de maduración.

E outra razón para revisar o noso arquivo -polo menos para min- é que da visualización do noso traballo con perspectiva, revisando un período de tempo amplo, solen aparecer temas, conxuntos de fotos que casan entre elas e das que poden xurdir proxectos ou series que non eramos conscientes de telas.

É por estas cuestións apuntadas que eu, de cando en vez, doulle unha volta o meu arquivo fotográfico.