Fotografemos o que temos máis preto

Podes ver este contido noutro idioma con Google Translate: Español - English - Português

Somos moitos os que saímos a outros lugares, lonxe da nosa zona habitual na que moramos, a fotografar. O cal, per se, non é bo nin é malo.

Mais o que ocorre moitas veces é que buscamos fora o que temos ben preto e non somos quen de ver. Seguramente por resultarnos moi familiar e non chamarnos a atención. Non sempre é así, certo. As veces o que pretendemos é activarnos, buscar estímulos visuais ou saír da rutina, iso é positivo.

Marrakech - Alberte A Pereira

© Alberte A. Pereira - Marrakech 2015

Pero como fago moitas veces, recorro a José Manuel Navia, porque admiro moito o seu traballo e, neste caso, a súa capacidade para transmitir ideas. El comentou a este respecto que era capaz de demostrarlle a calquera que, para facer boas fotos, non era preciso irse a lugares lonxe e exóticos. Só que esa demostración custaba tres mil euros!. 

Así, Navia propuxo que se escolleran lugares que nos pareceran “fotoxénicos”. Pronto apareceron propostas: Marrocos, India, Cuba... Unha vez escollido o lugar, había que financiar a viaxe ao lugar escollido con dous mil cincocentos dos tres mil euros que custa a demostración. Incluído todo e polo tempo para o que de ese diñeiro. Unha vez de volta, e cos cincocentos euros restantes, habería que ir a un pobo de Castela que el escollía, parando nunha fonda que non custa máis de vinte euros día e estarías ata que renderan os cartos.

A Guarda - Alberte A Pereira

© Alberte A. Pereira - A Guarda 2015

Nos dous casos e durante todo o tempo de estancia, quitarías fotos. Finalmente faríase unha edición e valoración dos dous traballos. Navia asegurou que sen lugar a dúbidas, as do pobo de Castela non serían nin mellores nin peores ca do destino foráneo e exótico elixido polo autor. Coa diferenza de custe económico, claro. Eu cada vez estou máis convencido de que ten razón. Aínda que eu, tamén, necesite estímulos ou saír da rutina. Unha cousa non quita a outra.

En todo caso, coido que é necesario que pensemos en fotografar o que temos máis preto. Que nolo propoñamos como un exercicio tamén. Coido que se non somos capaces de fotografar o próximo e coñecido, dificilmente fotografaremos o descoñecido e que nos queda lonxe.