Photo League, 1936-1951

Podes ver este contido noutro idioma con Google Translate: Español - English - Português

Despois de falar do que foi un dos seus fundadores, profesor da súa escola e tamén inspirador de moitos dos seus alumnos -entre eles Leon Levinstein- Sid Grossman, hoxe toca falar da organización fotográfica na que participou: Photo League.

Como xa comentei nunha entrada anterior, Photo League nace inspirada na Vereinigung der Deutschlands Arbeiterfotografen (Asociación de Fotógrafos de traballadores alemáns). Era unha organización de xóvenes fotógrafos, na maioría de orixe xudía e cun ideario politicamente comprometido. Querían utilizar a imaxe como denuncia.

Sol Liboshn - Hester Street 1938© Sol Libsohn - Hester Street 1938

Nace en Manhattan no ano 1936 despois de que, a iniciativa de Sol Libsohn, Sid Grossman, Paul Strand e Berenice Abbott  se separan da Film and Photo League, que aglutinaba a cineastas e fotógrafos e fora creada oito anos antes, xusto na véspera da Gran Depresión de 1929. Desa escisión, agroma a organización que xa só aglutinaba a fotógrafos.

Defendían o poder expresivo da fotografía documental, onde prevalecía o tema sobre os aspectos formais, dando unha imaxe real do mundo que vivían, sobre todo da clase traballadora e que máis padecían os efectos da crise económica.

Sid Grossman - Harlem Document 1936

© Sid Grossman - Harlem Document 1936

 A Photo League non era só unha asociación de fotógrafos. Era, como dixen, unha escola, galería, punto de encontro...editaba o boletín gratuíto Photo Notes  e tamén era un lugar de debate. A modo de colaboración ou para compartir experiencias, pasaron fotógrafos como Henri Cartier-Bresson, Helen Levitt, Lisette Model ou Manuel Álvarez Bravo. Pola súa escola, na que Sid Grossman cumpría un papel fundamental, pasaron e formáronse máis de 1.500 alumnos.

Consuelo Kanaga - Sin título 1937

© Consuelo Kanaga - Sin título 1937

No seu apoxeo contou entre os seus membros con fotógrafos de renome como Paul Strand, Berenice Abbott, Sid Grossman, Lewis W. Hine, Leon Levinstein, Lisette Model, Arnold Newman, Aaron Siskind, W. Eugene Smith, Weegee, Barbara Morgan, Eliot Elisofon,  Sol Libsohn, Consuelo Kanaga ou Ansel Adams, entre outros moitos.

Berenice Abbott - Bleecker Street 1937© Berenice Abbott - Bleecker Street 1937

O compromiso social das reportaxes dos seus membros, fixo que fora cualificada como “subversiva e anti-americana”  na “caza de bruxas” promovida polo senador MacCarthy. A declaración da axente infiltrada do FBI,  Angela Calomiris, en 1949, testemuñando que a Photo League formaba parte do Partido Comunista, sentenciou a súa desaparición que se produciu en 1951.

Aarn Siskind – Harlem Document© Aarn Siskind – Harlem Document

Houbo que esperar máis de 60 anos para poder ver nunha exposición con máis de 140 fotografías, o impresionante traballo da Photo League, que foi un dos máis claros expoñentes da fotografía documental de Nueva York no século pasado. Foi na “The Radical Camera: New York’s Photo League, 1936-1951” que se mostrou de novembro de 2011 a marzo de 2012 no Museo Xudeu da cidade americana dos rañaceus.