Farías estas fotos?

Podes ver este contido noutro idioma con Google Translate: Español - English - Português

Actualmente, algúns cando quitan fotos pensan máis no posible número de “likes” que van ter, que en se esa é a foto que realmente queren facer. Fanse máis fotos para que “funcionen” nas redes sociais que non para un mesmo, por convencemento de que esa é a foto que queres.

Vou por cinco exemplos de fotos que, obviamente, non foron realizadas pensando nos “likes” nin nas redes sociais e que, estou casi seguro agora ninguén as compartiría porque se cadra terían poucos “likes”. Son fotografías de cinco grandes: André Kertész, Lee Friedlander, Robert Frank, Sergio Larraín e William Klein. Podería por moitos máis exemplos, pero coido que estes son suficientes.

Lectores - André Kertész

© André Kertész

Nesta fotografía de Kertesz, o que -supoño- a maioría faría sería quitar a foto onde se viran tamén as caras dos nenos e non só as súas pernas e máns sostendo os libros. Sin embargo, Kertész deixa que sexamos nós quen imaxinemos as súas caras, non mostra todo. E por outra banda, e aínda que a fotografía se títula “Lectores”, aparece un que non ten libro, rompendo ese patrón de libros, máns e pernas cruzadas.

Lee Friedlander

 © Lee Friedlander

Esta fotografía de Lee Friedlander en particular -e a súa obra en xeral- sempre me gustou moito. Friedlander é un maestro realizando este tipo de imaxes, deconstrucción, a paisaxe social, cheas de información visual, incómodas en certo modo nesa especie de “caos” visual. Dificilmente calquera de nós a quitariamos así. Tentariamos unha imaxe moito máis limpa, máis “depurada” e fácil de ver, máis ao “uso das redes sociais”. Encántame como mete ese retrovisor, a imaxen dentro da imaxe, esas liñas verticias como “molestando” intencionadamente a visión do que hai detrás. Todo un maestro.

Funeral de Santa Elena - Robert Frank

© Robert Frank

Esta do libro “Os Americanos” de Robert Frank tampouco é unha fotografía que moitos farian. Iso de cortar o que teoricamente debería ser o obxecto principal da fotografía, a persoa que esta no cadaleito, non se nos ocurriría. Mais quizas Frank deulle máis importancia a xente que asistía ao funeral, dando a información necesaria, ínfima pero suficiente do cadaleito para pornos en situación. Mais as diagonais da mirada do que pasa ao lado xunto coa do segundo plano, levannos unha e outra vez ao cadaleito. Insisto, hoxe moitos dos gurús das redes sociais e foto de rúa, non se atreverían a subila, é máis, penso que a eliminarían na propia cámara editando sobre a marcha.

Sergio Larrain

© Sergio Larrain

Esta fotografía que achego de Sergio Larraín, na que enche o encadre ata os límites do marco, tamén penso que a maioría dos fotógrafos das redes sociais a criticarian por ese pé que sae aí, por ese corte á persoa da dereita ou a da zona superior. Seguro que lle recomendarían a quen se atrevera a compartir unha foto así, un “recorte” para supimir ese pé que “molesta”. Pero Larraín, fotógrafo da prestixiosa axencia Magnum é un gran mestre e non o fixo. Sacrilexio!!

Willian Klein

© Willian Klein

E por último, esta fotografía de William Klein, na que vemos un rapaz brincando, enchendo o encadre tamén, e deixando fora del unha das súas pernas. A que aparece, está solapada con outra perna dun personaxe en segundo plano...Non é a  foto máis coñecida nin seguramente a mellor de Klein, pero forma parte da súa obra e fíxoa pública por algo. Moi posiblemente, a maioría dos que hoxe usamos as redes sociais, de ter quitado esta foto, moitos xa a eliminarían na cámara por “errónea” e  seguro non a fariamos pública.

Quero concluir esta entrada  insistindo en algo sobre o que xa teño reflexionado neste blog, e é que debemos facer fotos para nós, o que nos guste a nós e non pensar nos posibles “Gústame” nas redes sociais. Por que iso levaranos a facer case sempre o mesmo. Entendo tamén que as veces, unha fotografía pode ter “erros” pero ser potente visualmente, e iso debe ser o que nos importe, aínda que non sexa “bonita”.