Sid Grossman (1913-1955)

Podes ver este contido noutro idioma con Google Translate: Español - English - Português

En dúas entradas anteriores falaba de Leon Levinstein. Nunha facía un pequeno resume da súa obra a través dun dos seus libros, e noutra comentaba a súa predilección pola soedade, vital e fotográfica. Hoxe falaraei dunha das súas máis grandes influencias, seu profesor de fotografía, Sid Grossman.

A función do fotógrafo é axudar á xente a entender o mundo arredor deles.
A estética non existe para a cámara como entidade illada. A estética, de feito, é inseparable do propósito do fotógrafo e do uso que el fai do seu tema. Cando a fotografía falla é xeralmente porque se impuxo unha separación falsa entre forma e contido.
Unha fotografía é tan persoal como un nome, unha pegada dixital ou un bico. Trata sobre min, dunha maneira íntima e apaixonada e non estou avergonzado diso.” Sid Grossman.

É unha das figuras máis importantes da fotografía moderna dos EEUU, aínda que ignorado durante moito tempo. Sid Grossman era fillo de inmigrantes xudeus chegados da Europa do Leste. Medrou nos barrios de Nova York e comezou a fotografar na metade da década de 1930.

sid grossman

Harlem 1939 © Sid Grossman

Pouco despois únese ao grupo Film and Photo League, inspirado na Vereinigung der Deutschlands Arbeiterfotografen (Asociación de Fotógrafos de traballadores alemáns) que tiña como misión documentar graficamente publicacións de esquerdas  e de apoio aos traballadores. En 1934 funda, xunto con Sol Libsohn, Photo League, cuxo obxectivo era usar e promover a fotografía como unha ferramenta para efectuar o cambio social. Foi un dos seus membros clave entre 1936 y 1949. Grossman deu clases de fotografía documental, fundou dentro da escola o Documentary Group (en 1938), e tamén foi directivo, corrector, escritor e editor da revista Photo Notes da Photo League.

sid grossman

Harlem 1939 © Sid Grossman

Como director e profesor na escola, Grossman tivo unha enorme influencia sobre un gran número de alumnos que estudaron con el, incluíndo Weegee, Leon Levinstein, Ruth Orkin, Arthur Leipzig, Rebecca Lepkoff e moitos outros. Foi admirado pola maioría do seu alumnado e recoñecido como de grande influencia para eles.

sid grossman

Harlem 1939 © Sid Grossman


As súas fotografías máis salientables datan da década de 1940 e foron realizadas en Coney Island, Chelsea, Harlem e nas rúas de NYC. Aínda que se iniciou na fotografía documental social, foi pouco a pouco dando paso a unha fotografía máis persoal e subxectiva.  Defendía que a fotografía era unha forma de arte, un rexistro documental e un medio de comunicación de masas. Era radicalmente oposto ao esteticismo dalgúns dos membros da League, o que lle valeu ser alcumado como “o comisario”.

sid grossman

Sin título 1947-1948  © Sid Grossman

As súas fotografías da actividade dos sindicatos en 1940, fixeron que o FBI o investigara e o acusaran de comunista en 1947. En 1951 Grossman e outros membros da Photo League foron inxustamente incluídos na lista negra de actividades antiamericanas, nunha campaña impulsada polo “macarthismo”. A escola deixa de funcionar e trasladase a Provincetown, Massachusetts, onde abre unha escola de fotografía.

sid grossman

Panama 1945 © Sid Grossman

Morreu moi xoven, aos 42 anos, dun ataque ao corazón en 1955. A súa obra foi mercada por moitos dos principais museos como a Galería Nacional de Arte en Washington, ou o Museo de Belas Artes de Houston e Canadá.

O pasado ano 2016 exhibiuse por primeira vez en Europa a súa obra en Les Rencontres de la Photographie D’Arles