Tomar partido

Podes ver este contido noutro idioma con Google Translate: Español - English - Português

Xa teñen escrito sobre o tema que versa esta entrada, mais eu quero achegar a miña reflexión.

O espazo público conta coa intervención de varios actores de diferente índole e con diferentes “intereses” ou pretensións. Uns máis poderosos ca outros, quer pola posición de privilexio que ocupan: institucional ou económica; quer por ser as “voces” que responden a eses poderes, ao sistema.

zona vixiada

© Alberte A. Pereira

Xa que logo, por unha banda están os poderosos. En primeiro lugar os poderes públicos que nos indican que podemos e non podemos facer no espazo público. Ben a través de prohibicións, obrigas, gravacións en zonas “sensíbeis” co argumento de salvagardar a nosa seguridade... Por outra os poderes económicos, representados polas multinacionais, a banca, empresas de diversa índole, que nos incitan a consumir a través da machacona publicidade. Unha publicidade que se insire no espazo público sen nos pedir permiso e que temos que “tragar” aínda que non queiramos.

vigo

© Alberte A. Pereira

Por outra banda, están aqueles que dan unha resposta aos anteriores. Que se rebelan contra o poder establecido a través de intervencións na vía pública, tamén sen pedir permiso pois consideran que é de todos. Son grafiteiros que realizan a súa obra en muros de edificios abandonados, fachadas de empresas en conflito, con pintadas reivindicativas e antisistema, que rexeitan a imposición do consumo... Expresan sentimentos, ideoloxías, ideais... pero en todo caso contrarias aos poderes mencionados e dentro dunha perspectiva de reivindicación social.

machismo

© Alberte A. Pereira

E despois estamos os que cada día deambulamos polas rúas coas nosas cámaras, e vemos o espazo público con todas estas intervencións. Se a principios do século pasado, a fotografía documental clásica tiña unha clara tendencia social; se a partir de finais dos sesenta quixo mostrar a sociedade tal cal era, cos seus defectos e virtudes. Hoxe, sabendo que o peso dos diferentes actores é se cadra moito máis desigual, coido que ten que tomar partido. Manterse equidistante seria tanto como pórse ao lado dos poderosos.