Leon Levinstein (1910–1988)

Podes ver este contido noutro idioma con Google Translate: Español - English - Português

Nunha entrada anterior escribín sobre Leon Levinstein. Acababa de descubrilo. Nela falaba sobre todo, do seu carácter solitario, tanto á hora de fotografar como na súa vida persoal. Tamén daba unhas pinceladas sobre como fotografaba.

Posteriormente merquei un libro de fotografía de Levinstein publicado en 2014. Coido que só hai un libro máis, publicado no 2000, edición en francés, e algún catálogo das exposicións realizadas. Publicacións post mortem, xa que el en vida nunca quixo publicar e só expuxo en solitario unha vez, na pequena Limelight Gallery de Helena Gee en 1956.

Era practicamente descoñecido para o grande público ata o 2010, cando o MET organiza a exposición “Hipsters, Hustlers, and Handball Players: Leon Levinstein's New York Photographs, 1950–1980” e as súas cruas imaxes saltan a fama.

Despois de darlle varias olladas o libro, a primeira un pouco rápida produto da curiosidade, pero as seguintes moito máis pausadas, concluín que a fotografía de Levinstein é, ademais de moi actual, en certo modo incómoda dende o punto de vista fotográfico máis formal. Coido que ese carácter solitario, supoño introvertido e complexo, transmíteo na súa fotografía. Nunca encaixou no mercado da fotografía comercial e aínda que no 1975, Levinstein recibe unha beca da Fundación Guggenheim, seguiu facendo o que lle apetecía e como el quería, só. De feito, e ao contrario dos seus coetáneos, nunca pediu unha beca nin axudas oficiais, pois afirmaba que a fotografía non precisaba padriños e que as axudas oficiais, alteraban e corrompían a mensaxe.

Leon Levinstein

Coney Island - 1955 © Leon Levinstein

A foto da portada, tomada en Coney Island en 1955, un home de costas que enche o encadre, xa nos anticipa en parte o que vamos ver. É unha constante nos seus retratos en formato cadrado e primeirísimos planos, rozando os bordes, sen aire.

De seguido, Bob Shamis,-texto en inglés-  fai un percorrido pola vida e fotografía de Levinstein. Fai unha pequena comparativa con outros fotógrafos, algúns dos cales foron influintes nel, como seu profesor de fotografía en Photo League, Sid Grossman.

Leon Levinstein

Coney Island 1975 © Leon Levinstein

Despois adentrámonos no libro para ver as 127 fotografías que,  unha páxina detrás doutra, vemos como corta deliberadamente os corpos das persoas -un recurso que utiliza moito-, na maioría parellas, só mostra a linguaxe xestual das máns; as pernas nas praias de Coney Island ou as caras en primeiros planos. Imaxes cheas de detalle e tensión. Son irreverentes formalmente e lembráronme o actual Eamonn Doyle en algúns aspectos, aínda que con planos moito máis pechados se cabe.

Leon Levinstein

Speaker Corner - Hyde Park - London 1964 © Leon Levinstein

Xente de NYC, mais tamén de Londres, Nueva Orleans, Los Ángeles, París, México e  Haití. Clases medias, chulos, putas, gays, mendigos, trapicheiros, parellas de mozos...fotografía directa, caras, carne, poses, imaxes crudas, impactantes e sen concesións formais. Secuenciadas en foto/páxina, funcionan perfectamente á hora de visualizar o libro. Algunhas -as poucas horizontais que hai- ocupan páxina e media.

Leon Levinstein

Lower East Side - 1965 © Leon Levinstein

Finalmente un artigo de Carrie Springer titulado “Leon Levinstein and the Intimacy of Color”, fai referencia ao traballo do autor a cor, mostrando en tamaño máis reducido, 16 fotografías.

En definitiva, o que se pode ver neste libro, é unha obra intensa e valente para aquel tempo sobre todo, pero incluso hoxe, onde moitos non se atreverían a facer eses encadres. Para min un libro e un fotógrafo moi recomendable.

Deixo unhas cantas imaxes, que seguro ilustran mellor o que escribín. E aquí, outras do libro.

Leon Levinstein

NYC - 1960 © Leon Levinstein

Leon Levinstein

Haiti 1960 © Leon Levinstein

Leon Levinstein

Children in window - NYC 1952 © Leon Levinstein

Leon Levinstein

Storefront - Lower East Side 1954 © Leon Levinstein

Leon Levinstein

Untitled 1970 © Leon Levinstein

Leon Levinstein

NYC 1960 © Leon Levinstein