Documental, de rúa... fotografía!

Podes ver este contido noutro idioma con Google Translate: Español - English - Português

É moi normal utilizar etiquetas para agrupar e ordenar as cousas en xeral. Tamén creamos subcategorías dentro dunha categoría, indo sempre do concepto xeral ao máis definido. Falando de fotografía, este sería o termo que aglutinaría o todo e a partir de aí ábrese o abano.

Pero quérome centrar na #fotografíaderúa. Para algúns, un subxénero dentro da documental. Para outros ten substantividade suficiente para ser un xénero fotográfico con entidade propia. Só lembrar un par de entradas anteriores, nas que falaba precisamente do valor documental da foto de rúa e de que o tempo daralle valor a este tipo de fotografía para non abondar máis no tema e non repetirme.

Vilanova© Alberte A. Pereira

Sexa como fora, hai quen rexeita algunhas tendencias ou xeitos de facer dentro da fotografía de rúa. Consideran que son fotografías onde manda a estética e que por tanto é difícil que poidan ter valor documental. Se cando falamos de foto de rúa dicimos que é unha expresión estética e documental dunha época e dun lugar. Ata que punto este tipo de fotografía, onde a estética manda, nos achega ese valor documental?. En certo modo, as veces vemos esas imaxes e tanto poden ser de Nova Iorque coma de Vigo. Non é posible identificar o lugar onde foron feitas e se o autor non o indica, non o saberiamos. Obviamente estas dúbidas ou reticencias, dende o meu punto de vista quedan fora de lugar se as inserimos no corpo dun traballo. Nese caso tomarían todo o valor documental e narrativo que, como fotos únicas é difícil percibir.

Máis tamén é certo que cando quitamos fotos nos espazos públicos tratamos de crear imaxes acerca  e nos ambientes dos mesmos e por tanto non ten porque, necesariamente, seguir as normas do documentalismo. Xa que logo todo depende do criterio e xeito de expresarse do autor que, para min, debe ser en liberdade. Porque ao final todo é fotografía, que é o que realmente nos interesa.