Fotografía, novas tecnoloxías e redes sociais

Podes ver este contido noutro idioma con Google Translate: Español - English - Português

Son moitos os fotógrafos ou teóricos que teñen escrito sobre fotografía e redes sociais. Sobre a democratización da fotografía, o uso que se lle da nas redes e as novas tecnoloxías...

Posiblemente eu non teño suficientes coñecementos ou datos para poder facer unha valoración que teña o mesmo peso e rigor ca de moitos que xa teñen escrito sobre o tema. En todo caso, si podo dar libremente a miña opinión e expresar o que eu penso de todo isto.

Coido que a irrupción do formato dixital foi o primeiro gran cambio na fotografía, permitindo e pondo a disposición do gran público a posibilidade de fotografar. Hoxe xa non son só as cámaras dixitais, mesmo os teléfonos móbiles levan cámaras coa calidade suficiente como para facer fotografías. De feito, recoñecidos fotógrafos teñen traballos importantes realizados con móbiles. Calquera, por tanto, ten a posibilidade de facer fotos. É o que se deu en chamar a democratización da fotografía.

Dende entón, e coa chegada da World Wide Web, e máis tarde coas redes sociais, os trocos que se están a materializar no mundo da fotografía van a grande velocidade e son moi profundos. Se cadra van tan rápido que non somos capaces de asimilalos e é por iso que tampouco somos quen de entendelos. O que non se pode facer é rexeitar aquilo que non entendemos, en vez de, pola contra, facer un esforzo por tentar entendelo.

selfie

© Alberte A. Pereira

Cando xa se cuestiona a imaxe como obxecto e fálase da imaxe como dato, de internet como a principal canle de distribución de imaxes (só en Facebook publícanse máis de 300 millóns de imaxes ao día), transformando as formas e estruturas narrativas... Ten razón de ser debates como fotografía química vs dixital? E que acaso, só a fotografía química é fotografía? Eu coido que hai fotografía independentemente de que se utilizara película ou un sensor para captar a imaxe. En todo caso, ver cara outro lado, e sobre todo cara atrás, é a saída? É necesario buscar unha saída? Por que? Seica que cando falamos do tempo pasado como algo mellor, é que nos estamos volvendo vellos -mentalmente-. Non será que simplemente non somos capaces de entender o que pasa, e sobre todo que van tan de presa os cambios que non damos seguido o rítmo?.

A este respecto, Paul Halliday, fotógrafo, urbanista e académico de Goldsmiths, dixo no seu día que  “había moitos teóricos críticos que insisten no diluvio de imaxes e a súa influencia contaminante na cultura visual”. Mais comentaba que non estaba tan seguro desa visión tan binaria, especialmente, dicía, “vindo de teóricos literarios que frecuentemente escriben moi mal sobre prácticas visuais”. E finalmente manifestaba que el estaba “interesado en como a socioloxía pode relacionarse co porqué, o cando e o para que, dentro deste debate”.

Ao meu modo de ver, as redes sociais, e isto é aplicable a case todo, non son malas “per se”. Pode ser malo o uso que delas fagamos. Posiblemente, no estritamente fotográfico pode ser malo o uso que se lle da, xerando moito ruído... Publícase sen ou con escaso criterio? SPode ser, ou se cadra con criterios diferentes. Pero, pode alguén erixirse como xuíz para decidir que se pode ou non pode facer?  Non todo o mundo as usa así. En todo caso, se non me gusta o que vexo, non o sigo. Ninguén está obrigado a darse de alta en ningunha rede social, a seguir a ninguén que non lle interese, a meterse en grupos...(eu mesmo, recentemente deime de baixa na maioría dos grupos fotográficos de facebook que estaba).

Outra cuestión é, todo o que se publica nas redes sociais é fotografía?. Fágome esta pregunta por que me ven a cabeza unha frase de Eduardo Momeñe falando deste tema. El afirmou que “a fotografía non é popular, iso é mentira. Popular é Instagran, Facebook...”. Penso que esta é unha cuestión sobre a que deberiamos reflexionar. Hai diferencias? Podemos chamar fotografía só ás que se realizan con unha intencionalidade e finalmente se pasan a papel e non a aquelas que se fan só para inmortalizar o momento nun lugar determinado, aquelas que só nos din “eu estou aquí”?.  Fontcuberta ten teorizado sobre ese tema, outra cousa é que as súas teorías sexan verdades absolutas, todo é relativo.

Por outra banda, é incuestionable a parte boa das redes sociais, como unha vía para difundir contidos, publicitarse, etc. Incluso os máis detractores e críticos co uso das redes sociais no mundo da fotografía, as utilizan para promocionarse ou mesmo para criticar o seu uso!!. Eu mesmo estou difundindo esta mesma entrada nas redes sociais.

Dende logo, e sendo crítico con certos usos que se lle poidan dar, penso que son unha ferramenta que ben utilizada da máis do que quita. Ora ben, coido que cando menos os que xa peiteamos canas -no meu caso non, son alopécico-, temos senso suficiente para discernir a quen seguir, a quen non, o que nos interesa e o que non.

O que parece evidente é que internet, as redes sociais e as novas tecnoloxías viñeron para quedarse. Negar a realidade e situarse fora dela.