Concursos de fotografía con cláusulas abusivas

Podes ver este contido noutro idioma con Google Translate: Español - English - Português

É bastante común -desgraciadamente- que moitos concursos de fotografía, sobre todo a nivel local, determinen nas súas bases, cláusulas abusivas para os participantes.

O pasado mes de xuño, era o reputado fotógrafo catalán de National Geographic, Tino Soriano, quen denunciaba a través dunha entrada no seu blog, á Agencia Catalana de Turismo por unha cláusula abusiva nas bases dun concurso. "Como abusar de los fotógrafos sin pudor" titulaba a entrada.

A cláusula en cuestión dicía: "la participación en este concurso implica la cesión gratuita y no exclusiva de los derechos patrimoniales de la propiedad intelectual sobre las fotografías de los participantes a favor de la Agencia Catalana de Turismo para su explotación en cualquier formato o soporte, para cualquier sistema, procedimiento o modalidad existente y/o conocida en la actualidad”.

Co cal, todo participante, gañador ou non, cedía gratuitamente as súas fotos. É unha boa forma -sobre todo barata- de facerse cun banco de imaxes!!.

Esta entrada ven a conto dun concurso que me queda moito máis perto, e que se acaba de convocar no concello da Guarda.  Curiosamente, tamén vinculado ao turismo e coa intención de "vender" a boa imaxe deste pobo. Nas súas bases, entre outras, di:

"4. DEREITOS DE AUTOR
4.1 Todos os participantes, independentemente do resultado, autorizan a utilización dos traballos, sen compensación, en todas as publicacións, en formato dixital ou analóxico, ou actividades promovidas polo concello da Guarda quen deberá en todo caso citar o autor (salvo que este indique por escrito que non quer ser identificado)."

Un pouco máis abaixo, vemos que en cuestión de premios aos gañadores, non son moi xenerosos tampouco... maldita crisis!!

"9.2 Os tres gañadores recibirán un diploma e un agasallo".

Claro está, falta saber cal será o agasallo!!

Non vou criticar eu que se organicen concursos abertos a todo o mundo, pois eu mesmo son un fotógrafo "amador" e participo en algúns, incluso pagando por participar. Neste, aínda con premios e sen cláusulas abusivas, non participaría, porque non é o tipo de fotografía que me gusta e fago. Pero coido que, de organizar un concurso, cando menos, débese premiar debidamente aos gañadores, e eliminar calquera cláusula abusiva para os autores, como a citada máis arriba.

Outra forma de facerse cun banco de imaxes, é contratando aos profesionais que hai na propia vila para ese cometido, que seguro agradecerán, pois é un sector onde non sobra a carga de traballo e encargos dese tipo.