Fotografía de rúa: algo máis co espazo urbano

Podes ver este contido noutro idioma con Google Translate: Español - English - Português

Xa teño falado neste blog dalgunhas ideas que están moi asentadas ou nas que se fai énfase, sobre a fotografía de rúa.

Unha desas ideas, moi asumida entre os practicantes desta disciplina fotográfica, é dar por feito que a fotografía de rúa é unicamente “urbana”. Xa falei diso tamén noutra entrada e son consciente de que é o seu ámbito máis habitual. Ámbito no que dalgún xeito naceu tal e como a coñecemos hoxe e no que, sen dúbidas, hai máis oportunidades. A cantidade de imaxes de NYC que todos temos na nosa retina fan que, dalgunha maneira, asumamos que a foto de rúa é exclusivamente urbana. Mais eu sigo defendendo que as contornas rurais, as periferias, tamén existen e se pode realizar este tipo de fotografía, que non debemos esquecer ten unha compoñente documental moi importante.

Penso que establecer e asumir o paralelismo foto de rúa igual a urbana, é reduccionista. Asemade, se -coma min- vivimos nunha contorna rural, temos que aproveitar as súas potencialidades e por en valor a súa estética e o que nelas acontece. Disto falei algo no último taller en Vitoria-Gasteiz.
Vou tentar por algúns exemplos de fotógrafos que van  -dende o meu punto de vista- reforzar esta idea. Son, en moitos casos, fotografías que forman parte de traballos documentais, pero que ao meu entender, funcionan e poden ser consideradas fotos de rúa tamén. Tómense só como exemplos!! Espero que non se descontextualicen da idea que pretendo transmitir.

Nikos Economopoulos, Estrada a Tirana

© Nikos Economopoulos, Estrada a Tirana – Albania 1991

Cristina García Rodero - A Guarda - Festas do Monte

© Cristina García Rodero, Festas do Monte 2010 – A Guarda – Galicia.

Harry Gruyaert, Fisterra 1998 - Galicia

© Harry Gruyaert, Fisterra 1998 - Galicia

Cristobal Hara - Sta Marta de Ribarteme

© Cristobal Hara, en Santa Marta de Ribarteme, As Neves – Galicia.

E tamén deixo algún exemplos de fotos miñas que quitei en espazos rurais, para por exemplos do que eu tamén fago.

Alberte Pereira - Vila Nova de Cerveira

© Alberte A. Pereira - Parque do Castelinho – Vila Nova de Cerveira – Portugal.
Finais do verán, unha tarde no mes de setembro de 2015.

Alberte A. Pereira - Pardiñas - Lugo

© Alberte A. Pereira – Pardiñas – Guitiriz – Lugo 2016.
No transcurso do Festival de Pardiñas.

Alberte A. Pereira - Cemiterio de Germil - Portugal

© Alberte A. Pereira - Cemiterio en Germil – Portugal 2015.
Datas previas ao dia de Santos, 1 de novembro nunha pequena aldea de tan só uns 70 habitantes no parque natural do Peneda-Gerés portugués.

Como podemos observar, o denominador común en todas estas fotografías é estar tomadas en espazos rurais e lonxe das grandes urbes. É posible que nestas fotos, a compoñente estritamente documental teña máis peso que a estética -salvo a miña de Vila Nova- pero iso dende o meu punto de vista non resta, senón que suma.