Eamonn Doyle: novos camiños na fotografía de rúa

Podes ver este contido noutro idioma con Google Translate: Español - English - Português

Como ben dixo Marcelo Caballero nunha das súas últimas entradas no seu blog Miradas Cómplices, moitas veces os talleres de fotografía, ademais de para o seu cometido inicial, sirven para intercambiar impresións, coñecementos e autores entre xente que asiste ou que se coñece nos mesmos.

Eamonn Doyle

© Eamonn Doyle da serie "End"

Iso foi un pouco o que nos pasou no recente taller que impartimos en Vitoria-Gasteiz. Ao remate das charlas do venres, e cunhas cervexas de por medio, estivemos charlando de fotografía, nun bar da zona vella desta preciosa cidade de Euskal Herria, varios dos asistentes á charla. Entre eles, Jon Gorospe, que nos deu unha serie de nomes de autores actuais con traballos de foto de rúa que non coñeciamos, como Etham Levitas, mencionado por Marcelo na súa entrada.

 

Outro nome que despois me achegou Jon, foi Eamonn Doyle, do que Martin Parr é un fan incondicional e mesmo ten dito que o libro “i”é o mellor libro de foto de rúa da ultima década”. Nunha crónica do The Guardian descríbeno como unha especie de “salvador da fotografía de rúa”, pois actualmente a denominada “street photography” é repetitiva, predecible e cunha saturación de imaxes nas redes sociais baixo esa etiqueta que non fai máis que contribuír a xerar ruído.

 

Eamonn Doyle, coa súa triloxía “i”, “On” e “End” -este último traballo exposto este ano no Festival de Arles- fala de Dublín, cidade na que vive.

 

En “i” retrata a persoas maiores solitarias que viven na contorna na que o propio autor ten a súa morada. Aíllaos e deixa fora da toma moita da información “típica” na foto de rúa. Tampouco mostra os seus rostros, pois case a totalidade das fotos están realizadas en planos picados e moitas delas polas costas.

 

Na segunda parte a triloxía, “On”, fai un potente traballo integramente en branco e negro, con imaxes tomadas sobre todo en Parnell Street e O'Connell Street, en Dublín. Rúas que teñen un papel histórico de resistencia, protesta e rebelión, que mostra a través de persoas musculosas, en movemento, inaccesibles...

 

 

E por último, en “End”, un traballo en colaboración con Niall Sweeney e David Donohoe, que achegan ás fotos de Doyle, deseño, debuxos e son. Neste amosa as xentes de Dublín na dinámica diaria, persoas solitarias secuenciadas nun mesmo escenario, pondo el tela de xuízo o tempo e o que ocorre entre dous instantes.

 

É dende logo unha forma nova, fresca, contemporánea e comprometida de entender a fotografía de rúa, que dalgún xeito rompe cos clásicos e anda por camiños novos. E todo indica que estas novas formas de fotografar e narrar, chegaron para quedarse na fotografía de rúa.