“New Documents”. Un punto de inflexión na fotografía documental

Podes ver este contido noutro idioma con Google Translate: Español - English - Português

A exposición de fotografía que baixo o título “New Documents” se inaugurou no MOMA de Nueva York o 28 de febreiro de 1967, supuxo, sen dúbida, un punto de inflexión respecto da fotografía documental que ata ese momento se tiña realizado, como comentou o crítico e curador americano A.D. Coleman.

 

A exposición levouse a cabo da man de John Szarkowski, Director do Departamento de Fotografía de dito museo. Nela exhibíanse 94 fotografías en branco e negro de tres fotógrafos daquela pouco recoñecidos, Diane Arbus, Lee Friedlander e Garry Winogrand.
Diane Arbus

 © Diane Arbus

Szarkowski manifestara naquela altura que, ao contrario das propostas dos documentalistas dos anos 30 e 40, que facían fincapé na crítica social, esta nova xeración de fotógrafos optaba máis pola idea de conocer e observar a vida nas rúas, e como se interrelacionaba a xente na súa contorna vital.  Gustaban do mundo real tal e como era, a pesar de e con todos os seus defectos. Gustaban das imperfeccións e debilidades da sociedade, e reflexábanas nas súas imaxes.

Garry Winogrand

© Garry Winogrand

Esta exposición foi, para moitos, o momento en que, vendo os traballos destes fotógrafos, naceu a idea do que hoxe se denomina “foto de rúa” (street photography, en inglés). Non porque ninguén se sentara a teorizar sobre o termo a utilizar para definila, senón polo xeito en como, toda unha xeración de fotógrafos encarou a fotografía documental a partir dese momento.

Lee Friedlander

© Lee Friedlander

Pódese ver a lista de fotografías, todas realizadas entre 1959 e 1966,  que formaban parte da exposición, nesta nota de prensa enviada polo MOMA o día antes da inauguración. 32 fotos de Diana Arbus, 30 de Lee Friedlander e 32 de Garry Winogrand.