Joan Vehí: carpinteiro de profesión, fotógrafo de paixón.

Podes ver este contido noutro idioma con Google Translate: Español - English - Português

O pasado mes de xullo visitei Cadaqués, e alí, a Fundació Joan Vehí. Coñecín e charlei cun fotógrafo que nega selo e se reivindica como carpinteiro, o seu oficio.

Joan Vehí carpinteiro de profesión e fotógrafo por paixón, adquiriu a súa primeira cámara no 1945. Comezou a traballar para Salvador Dalí, no 1952, chegando a ser un dos seus homes de confianza, o que lle permitiu fotografar escenas da súa vida ás que ningún outro tivo acceso.Joan Vehí

 © Alberte A. Pereira

A experiencia da visita a Fundació que leva seu nome, e que está instalada na que foi a súa antiga carpintería, foi do máis enriquecedora. Poder charlar de fotografía pausadamente, como lle gusta a Joan, que cos seus 87 anos ten unha lucidez mental e unha memoria envexable, foi unha delicia e unha cura de humildade. Por que ver o impresionante traballo fotográfico dunha vida, centrado en Cadaqués e sobre todo, na figura de Salvador Dalí, ordenado, catalogado ata o máis mínimo detalle, lembranzas das súas exposicións e que o autor diga que non é fotógrafo, senón carpinteiro, di moito del e fai que poñas os pes no chan -se andas polas nubes-.

De mirada limpa e cristalina. Reborda sabedoría, a que lle deu a súa experiencia vital a beira dun referente cultural,  gusta de que a xente que visita a Fundació, se pare con detemento e o inquira sobre o seu traballo como fotógrafo. El gusta de explicar ata o máis mínimo detalle e contar anécdotas da súa vida privada, como a das cartas que se escribía, día si día non, coa súa noiva, hoxe súa dona, mentres estaba no servizo militar. “Daquela non había whatsapp!” di cun sorriso cómplice.

En fin, é difícil para min describir a experiencia de conversar durante algo máis dunha hora con Joan Vehí. Só podo dicirvos que se vos achegades a Cadaqués, a visita a Fundació Joan Vehí é obrigatoria.